Xa que logo, as forma en que a auga se move encaixa mentalmente nunha secuencia cíclica de procesos físicos que se coñecen co nome de ciclo hidrolóxico. Este modelo cíclico comprende e integra o conxunto de transferencias de auga entre a atmosfera, o mar e a terra nos seus tres estados, sólido, líquido e gasoso. O motor desta transferencia, como xa dixemos, é o Sol.
O ciclo hidrolóxico, como modelo mental, comprende a escala planetaria. Polo tanto, é un modelo difícil de aplicar na súa fase continental. Isto supón unha limitación para as análises rexionais, porque esta fase é a que incorpora os recursos hídricos que precisamos para satisfacer as nosas necesidades, a que produce perturbacións como as grandes inundacións e a que mellor reflicte os nosos principais impactos.