A corrente do Golfo. As augas quentadas polo sol no mar Caribe inundan o Atlántico Norte, onde arrefrían, descenden e flúen cara ao sur como unha corrente profunda.
Outra posible consecuencia da alteración do clima nos océanos detectouse no ano 2004. Nesa data, varios equipos de oceanógrafos mediron unha desaceleración da corrente do Golfo, o río de augas cálidas que (propulsado, igual que a corrente circunantártica, pola rotación terrestre) circula dende o golfo de México ata o Atlántico Norte. Ao chegar a este ultimo, a auga arrefría, gaña densidade e afúndese, transformándose nunha corrente fría que percorre o fondo do Atlántico cara ao sur.
Dende a metade do século XX, este movemento xeneralizouse no que se adoita chamar “a fita transportadora oceánica”, que distribuiría por todo o planeta a calor adquirida polos océanos. Polo tanto, a interrupción dunha das partes desta corrente global podería ter consecuencias en toda a Terra.
A fita transportadora oceánica, que enlaza as correntes superficiais cálidas e as profundas frías. Este concepto vese hoxe como unha simplificación excesiva, que non reflicte a realidade da circulación oceánica.
A freada detectada no 2004 pode ter dúas causas. A primeira é que, como a atmosfera está máis quente, a auga apenas pode arrefriar, e se non o fai, non gaña densidade e non se afunde, co que se acumula na superficie e impide a chegada de máis auga. A segunda é que, se os ríos que aflúen ao Atlántico Norte levan máis caudal (p. ex., porque se funda máis xeo en Canadá), este exceso de auga doce rebaixará a salinidade e, xa que logo, a densidade da auga mariña, impedindo tamén o seu afundimento.
Polo tanto, a desaceleración da corrente podería estar causada polo quecemento global. Varios estudos confirmaron esta conexión, seica. Por exemplo, entre 1990 e o 2000 a velocidade da corrente variou coa temperatura atmosférica: a máis calor, menos velocidade. Ademais, no 2005 acumulárase no Atlántico Norte unha gran cantidade de auga doce, tanto coma a descarga anual de oito Mississippis.
Cando, a partir de 1990, comezou a quecer a atmosfera, a auga do Atlántico Norte púidolle ceder menos calor (curva negra). Ao mesmo tempo, a corrente do Golfo (curva vermella) perdeu velocidade. Así e todo, non hai probas de que esta desaceleración sexa unha consecuencia do cambio climático.
As alarmas saltaron. Ía desaparecer a corrente oceánica que suaviza o clima de Europa? Cales poderían ser as consecuencias? Ao estudar o pasado, descubrimos que outras situacións semellantes de gran fluxo de auga doce ao océano Atlántico deron lugar a períodos de clima moi frío en Europa; o máis coñecido durou dende 1300 ata 1850 e chamouse Pequena Idade de Xeo. Así que, en primeiro lugar, habería que prever un arrefriamento do clima en toda Europa, en especial no centro e no norte. Ademais, habería menos furacáns no Atlántico e secas intensas na África subsahariana. E algo inesperado: as poboacións atlánticas de plancto poderían colapsar, xa que dependen do intercambio de auga superficial e auga profunda, esta última, rica en nutrientes.
Non obstante, estas previsións chocan de fronte cos datos actuais, que din que o noso continente se está a quentar e que os furacáns atlánticos son cada vez máis frecuentes. Daquela...? Cando os científicos obteñen datos contraditorios sobre un problema que pode traer consecuencias graves para a sociedade, esta mobilízase para que os mesmos científicos propoñan solucións. Neste caso, o primeiro que se fixo foi poñer en marcha tecnoloxías que servisen para confirmar se a desaceleración era un fenómeno irreversible. No 2006 instaláronse en todos os océanos sensores que se moven dende o fondo mariño ata a superficie, dende onde envían os seus datos a satélites. Por vez primeira na historia, os oceanógrafos puideron estudar con detalle o que pasa dentro dun océano.
Un sensor ancorado no fondo do Atlántico. Un cable permite o seu movemento na vertical e, polo tanto, tomar datos a distintas profundidades.
O resultado foi tranquilizador: a velocidade da corrente do Golfo é enormemente variable e a súa freada nos anos 90 entra dentro desa variabilidade natural. Xa que logo, polo de agora non temos que temer polo noso clima nin polo noso plancto. Así e todo, esta tranquilidade pode ser pasaxeira. Os modelos de superordenadores que usan os climatólogos suxiren que a corrente vai reducir a súa velocidade nun 25 % no que queda de século, e algúns deles mostran un límite, un punto térmico por riba do cal a circulación da corrente é imposible. Ademais, recentemente tamén se debilitaron outras correntes, coma a que conecta o Pacífico co Índico.
Os novos datos produciron outra vítima: a fita transportadora oceánica vese cada vez máis como un concepto teórico, que non reflicte a complexidade real da circulación da auga nos océanos. O papel do vento e o das turbulencias complican moito a situación e explican as grandes variacións de velocidade medidas agora. Ao mesmo tempo, fannos ver a nosa hidrosfera como un sisCapítulo suxeito a moitas influencias e, xa que logo, fráxil.
Os oceanógrafos están xa a traballar para construír mellores modelos dos océanos.