Este debate é moi importante para que teñas as ideas claras sobre o cambio climático. Por que? Porque un dos maiores argumentos dos que negan que este fenómeno teña algo que ver coa actividade humana é que sempre houbo grandes cambios no clima, moito maiores que o actual e moito antes de que o ser humano aparecese sobre a Terra. Poderían ter razón? Para podermos contestar a esta pregunta, necesitamos saber que papel desempeña a auga no clima.
Os dous planetas do Sistema Solar próximos á Terra, que son Venus e Marte, experimentaron grandes variacións climáticas: Venus perdeu toda a súa auga líquida, que se evaporou e se dispersou no espazo. A auga marciana conxelouse e agora está soterrada por espesas capas de po. Nada tan terrible sucedeu na Terra; a súa historia, rexistrada nas rochas, proba que o noso planeta gozou de auga líquida dende aquela primeira choiva que comentamos ao comezo desta lección. Esta é unha característica esencial para o mantemento da vida, que require precisamente auga líquida.
Un científico inglés, James Lovelock, propuxo unha teoría, á que lle chamou Gaia, segundo a cal foron precisamente os seres vivos os responsables de que o clima non se aparte das condicións axeitadas para a vida.