Un experimento temible: somerxida en auga coa acidez que poden chegar a ter os mares a finais deste século, a cuncha deste pequeno molusco mariño disolveuse en poucas semanas.
O maior impacto do cambio climático nos mares ten que ver coa química da auga. A medida que aumenta o CO2 na atmosfera, elévase tamén a cantidade de gas que se disolve no mar. As reaccións químicas que se producen son:
CO2 + H2O => H2CO3 (ácido carbónico)
pero o ácido carbónico ionízase: H2CO3 => H+ + HCO3
combinándose o ión H+ co ión carbonato: H+ + CO32- => HCO3 -
Este último paso é o importante, porque significa que comezará a escasear o carbonato na auga. Daquela, todos os seres vivos que precisan del para facer os seus esqueletos, dende o plancto ata os corais, pasando polos animais con cuncha, hanse atopar cun grave problema.
Non é a primeira vez na historia do planeta que os océanos se acidifican. Hai 56 millóns de anos, os volcáns e (se cadra) os pantanos liberaron á atmosfera unha cantidade enorme (entre 2.000 e 7.000 xigatoneladas, ou sexa, de 2 a 7x1012 Tm) de carbono, como CO2 e CH4 (metano). Esta cifra aseméllase ás 2,2x1012 Tm de carbono que queda nas reservas de combustibles fósiles. A diferenza está no ritmo: o que a Natureza fixo en miles de anos, a humanidade está a levalo a cabo en só dous ou tres séculos, e isto significa que os seres vivos non teñen tempo de se adaptaren. Non houbo extincións masivas hai 56 millóns de anos, mais si está a haber unha agora mesmo. Por termo medio, os océanos son actualmente un 30 % máis ácidos que antes da era industrial, e esta proporción podería chegar ao 150 % a finais do século XXI.
Corais: perigo de morte.