A auga infiltrada no subsolo —e que non evapotranspira— acumúlase nos poros, gretas e fisuras dos materiais do terreo onde queda almacenada. As formacións xeolóxicas con alta capacidade para almacenar e transmitir a auga denomínanse acuíferos (do grego ‘o que trae auga’).
Un acuífero é unha rocha porosa cos poros cheos de auga. Estas rochas porosas resultaban ser o obxecto de busca dos rabdomantes, os míticos buscadores de auga coa súa variña. Eran persoas con moito coñecemento práctico do campo, que identificaban perfectamente bioindicadores relacionados con este tipo de rochas porosas como, por exemplo, dos tipos de plantas que crecen onde hai auga subterránea, así que moitas veces acertaban, inda que a variña era puro teatro.
Por dous motivos hoxe xa non ten sentido falar de buscadores de auga: un, porque hai instrumentos científicos que detectan a auga subterránea con precisión e a baixo custo; e dous, porque, como consecuencia do anterior, case toda a auga subterránea do planeta está xa localizada.