Como se explica a formación da Terra Branca?

Como se explica a formación da Terra Branca?
A xeografía da Terra Branca. Todos os continentes estaban próximos ao ecuador e case todos teñen depósitos glaciares (puntos de cor).

Agora que a Terra Branca xa está confirmada, vexamos como se explica. Xa mencionamos no apartado anterior que os continentes, movidos polas correntes profundas do interior terrestre, cambian de posición co tempo. Mediante o estudo do magnetismo das rochas, os científicos poden calcular as posicións antigas dos continentes. O mapa da Figura 9 representa a xeografía de hai 600 millóns de anos. Como podes ver, e a diferenza do que ocorre agora, todos os continentes estaban cerca do ecuador. Poderíamos pensar que esta é a situación menos favorable para unha glaciación. Non obstante, non é así. Imos ver por que.

Hai 600 millóns de anos, igual que agora, as rexións ecuatoriais eran áreas moi chuviosas. Sabemos, só con mirar os monumentos, que a choiva descompón as rochas. O exemplo máis sinxelo de alteración é:

CASIO3 + H2O + 2CO2 => SIO2 + 2(HCO3)- + CA++

2(HCO3)- + CA++ => CACO3 + H2O + CO2

Aquí, o silicato de calcio representa un mineral dunha rocha, que se altera ao contacto con auga de chuvia que leva CO2 disolto. Mais fíxate no dióxido de carbono: nas reaccións químicas entran dúas moléculas, pero só se libera unha. Noutras palabras, na alteración das rochas consómese dióxido de carbono, o máis coñecido dos gases de efecto invernadoiro. Así que unha posición ecuatorial dos continentes, cunha intensa alteración das rochas, priva a atmosfera do principal dos compoñentes que reteñen a calor solar. Resultado a longo prazo: glaciación; que remataría cando os volcáns extraesen do interior do planeta máis CO2 para restablecer o efecto invernadoiro.

Como se explica a formación da Terra Branca?

Daquela, volve ser a auga (neste caso, a humilde auga de chuvia, inda que axudada pola dinámica interna do planeta) a protagonista dun cambio enorme —se cadra o maior de toda a historia da Terra— no clima. Pero o debate sobre a Terra Branca non rematou. Algúns climatólogos defenden que tamén os mares se conxelaron; neste caso, os océanos terían quedado illados da atmosfera por unha capa de xeo, as súas augas non se puideron osixenar e sobreveu unha grande extinción. É certo que nesta época a diversidade do plancto decreceu, pero iso non logrou convencer a maioría dos historiadores da Terra.