A Glaciación Neoxena, os océanos e a nosa colonización do Planeta

A Glaciación Neoxena, os océanos e a nosa colonización do Planeta
A variación da concentración de CO2 nos últimos 50 millóns de anos. Na actualidade estanse a revisar os datos dos últimos 20 millóns de anos porque algúns dos indicadores proporcionan datos discordantes.

Para rematar, falta explicar a glaciación máis importante de todas para a nosa especie; a que condicionou a evolución do ser humano e a súa colonización do planeta: a chamada Glaciación Neoxena, no medio da que aínda nos atopamos. A Figura 11 dinos que o CO2 diminuíu dende hai uns 50 millóns de anos.

Pero só hai 34 millóns de anos que empezou a haber glaciares na Antártida. Ao inicio desta glaciación, a auga tivo un papel protagonista; antes desa idade, a Antártida estaba unida a América do Sur, pero a dinámica terrestre non descansa e, pouco despois, o istmo que unía os dous continentes rachou. A partir dese momento, entrou en xogo a rotación terrestre; arredor da Antártida formouse unha poderosa corrente oceánica, a corrente circunantártica, que xira en sentido oposto ao do planeta, ou sexa, cara ao leste.

A Glaciación Neoxena, os océanos e a nosa colonización do Planeta
O comezo da corrente circunantártica. Hai 50 millóns de anos (mapa superior) a Antártida estaba bañada por augas cálidas. Hai 35 millóns de anos (mapa inferior) o continente queda illado e establécese unha corrente fría que o arrodea, xerándose un casquete de xeo.

Este simple feito cambiou o clima terrestre e, con el, a historia da humanidade. A corrente circunantártica impediu a chegada ás costas da Antártida de auga tropical procedente dos outros océanos. Así, o clima do continente polar fíxose cada vez máis frío, ata que, hai 14 millóns de anos, todo el estaba cuberto polo xeo. Con todo, no hemisferio norte non houbo glaciares ata hai 2,7 millóns de anos. A causa desta demora é moi discutida: para algúns climatólogos tamén ten que ver cos océanos, porque esta é a idade da elevación do actual istmo de Panamá, que, ao pechar a conexión Atlántico-Pacífico, podería ter motivado o arrefriamento tanto de Eurasia coma de América do Norte.

Outros, porén, cren que a concentración de CO2 continuou descendendo ata que a glaciación se propagou ao hemisferio norte. Os datos non son concluíntes.

Na glaciación neoxena hai, coma en todas as glaciacións, intervalos máis ou menos fríos (períodos glaciais ou interglaciais) en que o xeo avanza ou retrocede. Hoxe vivimos nun período interglaciar chamado Holoceno, que empezou hai 10.000 anos e está a durar moito máis ca outros períodos interglaciares. Homo sapiens, a nosa especie, aproveitou este longo período menos frío para se espallar por todo o planeta e colonizalo. Case seguro que non o tería conseguido se o Holoceno chega a durar menos. Agora, Homo sapiens, en só douscentos anos, corre o risco de alterar este clima favorable e convertelo noutro inviable para a súa civilización.