Precipitacións debidas a frontes

Precipitacións debidas a frontes.

As zonas de anticiclóns expulsan o aire dando lugar a ventos diverxentes que evitan o contacto entre masas de aire heteroxéneas, que, no hemisferio norte e debido á aceleración de Coriolis, viran cara á dereita.

Este vento, debido á diferenza de presión, diríxese cara ás zonas de baixas presións. Pero o seu movemento non segue exactamente a dirección marcada polo gradiente de presión, que sería perpendicular ás isóbaras —liñas que unen os puntos con igual presión—, senón que o fai cun ángulo de desvío cara á dereita no hemisferio norte, e cara á esquerda no hemisferio sur, debido á aceleración de Coriolis.

Precipitacións debidas a frontes.

A confluencia de masas de aire que converxen na rexión de baixas presións leva a que o aire destas masas entre en contacto. Como as masas de aire que contactan proceden de distintas rexións, poden ter propiedades de temperatura e humidade moi diferentes. Este é o caso do contacto do aire que procede do Ártico co que procede dos océanos tropicais. Se ese contacto se produce sobre Galicia, non cabe dúbida de que ao primeiro o denominaremos aire frío, porque está a menos temperatura que a superficie sobre a que avanza, e ao segundo aire quente, pola razón oposta.

Precipitacións debidas a frontes.

A intersección entre a superficie de contacto de aire quente e aire frío (superficie frontal) coa superficie terrestre coñécese como fronte. Como a través da superficie frontal ten lugar un cambio brusco das propiedades do aire, normalmente o paso dunha fronte vén acusado por fenómenos meteorolóxicos diversos, entre os que se atopan, con moita frecuencia, as precipitacións. Dependendo da maior ou menor diferenza do cambio, pódense distinguir dous grandes tipos de frontes.

Se o cambio entre a humidade e a temperatura das dúas masas de aire que contactan a través da superficie frontal é moi brusco, a fronte denomínase fría. Caracterízase por movementos ascendentes rápidos de aire húmido e quente empurrado por unha corrente fría e seca (aire máis denso), motivo polo cal se producen nubes de gran desenvolvemento, acompañadas de chuvascos fortes e fríos.

Nubes propias do paso dunha fronte fría.
Nubes propias do paso dunha fronte fría.

O outro tipo denomínase fronte cálida e caracterízase, pola contra, porque o aire quente da fronte cálida ascende lentamente sobre a masa do aire relativamente frío, dando lugar a varias capas de nubes estratiformes e, a niveis máis baixos, a néboas e chuviscas finas.

Nubes propias do paso dunha fronte quente..
Nubes propias do paso dunha fronte quente..

Precipitacións debidas a frontes.